Estás en:Emprego Novas

Remata o primeiro Congreso sobre o Reino de Galicia cun seguimento, presencial e telemático, que supera o milleiro de persoas

Os diferentes relatorios foron seguidos de xeito presencial por máis de 150 persoas e ás retransmisións en liña sumáronse congresistas, 1000 xa só durante a primeira xornada, de todo o Estado e doutros países como Arxentina, Brasil ou Portugal

O responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, agradeceu o "fantástico labor" do equipo que fixo posible o simposio: 16 persoas en traballos de comisariado ou dirección, produción, comunicación, imaxe, "streaming" e interpretación de linguaxe de signos

Remata o primeiro Congreso sobre o Reino de Galicia cun seguimento, presencial e telemático, que supera o milleiro de persoas

Vén de rematar o primeiro Congreso Internacional sobre o Reino de Galicia superando as expectactivas de asistencia previstas. Os diferentes relatorios foron seguidos de xeito presencial por máis de 150 persoas, mentres que ás retransmisións en liña sumáronse congresistas —1000 xa só durante a primeira xornada, con picos de visualización en directo de 300 asistentes— de toda España e outros países como Arxentina, Brasil ou Portugal.

O esforzo da área provincial de Cultura —que preparou durante máis dun ano "Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval de Galicia", o primeiro simposio sobre esa temática celebrado no noso país— "tivo unha recompensa eu creo que moi merecida", en palabras do deputado Xurxo Couto. "En realidade", engadiu, o congreso demostrou ser xa un éxito antes de comezar, pois as inscricións para as conferencias completáronse en apenas un mes; un interese, tanto nas interaccións e seguimento nas redes, que xa percibimos en canto comezamos co traballo de comunicación". Couto agradeceu o "fantástico labor" do equipo que fixo posible o congreso: 16 persoas en traballos de comisariado ou dirección, produción, comunicación, imaxe, "streaming" e interpretación de linguaxe de signos.

Para o comisario científico do congreso, Anselmo López Carreira, quedou referendada a oportunidade e pertinencia da convención: "Constatamos que a existencia de Galicia como reino está de certa actualidade e conseguimos estimular o interese do público por afondar no seu coñecemento, pero tamén demos un paso adiante para solucionar o atraso evidente con respecto a outros territorios que constituíron reinos e teñen xa celebrado eventos —Navarra, Granada— ou o teñen dabondo recoñecido —Aragón-Cataluña—. E iso foi posible porque hoxe dispoñemos das favorables condicións políticas que ofrecen algunhas administracións públicas —neste caso, a Deputación da Coruña—, soporte imprescindible para a celebración de actos destas características e con capacidade de promoción destes".

López Carreira tivo tamén palabras de eloxio para os relatores e as relatoras e para os moderadores e moderadoras dos coloquios: "Durante estes catro días, foron quen de facer ver que o legado cultural e artístico producido naquel tempo e transmitido ata nós en cantidade e calidade moi satisfactoria, facilita un frutífero diálogo entre historia e patrimonio". "Congresos como o noso", afirmou, "permiten dispoñer dun marco incomparable de contextualización, demostrando así que o pasado non é algo caduco, senón que seguen plenamente vixentes na nosa sociedade, da que ese patrimonio, entre o cal nos movemos cada día, constitúe o elemento, non único, pero si máis visible. "Ao mesmo tempo", concluíu, "a realización do simposio dotou a ese legado do valor engadido que lle confire o feito de ser publicitado, pois a conciencia do seu significado por parte da cidadanía proporciona a maior garantía da súa conservación e transmisión ás xeracións vindeiras".

No "Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval de Galicia" interviron relatores e relatoras de diferentes perfís que abordaron cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino medieval de Galicia e que chegaron a Santiago procedentes de diferentes institucións, como as universidades de Nova York, Barcelona, Santiago de Compostela, Salamanca ou Oviedo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X