Estás en:Emprego Novas

Un vestido de noiva en liño e unha escultura de gres e cerámica gañan os Premios Antonio Fraguas

Carmen Riveiro, que gaña este premio por segunda vez, faise co galardón na modalidade 'tradicional' cun vestido de noiva de tres pezas, e Verónica Moar gaña na modalidade 'contemporánea' cunha composición de dúas pezas

Un vestido de noiva en liño e unha escultura de gres e cerámica gañan os Premios Antonio Fraguas

A Deputación da Coruña vén de outorgar os premios Antonio Fraguas de Artesanía que nesta XIV edición recaen en Carmen Riveiro, natural de Zas, na modalidade 'tradicional' por un vestido de noiva realizado en liño, e en Verónica Moar, da Coruña, na modalidade 'contemporánea' por unha composición de dúas pezas en gres e cerámica.

O xurado, que se reuniu na xornada de onte, estivo composto por Elena Bangueses Buceta, Carla Canedo Martínez, Idoia Cuesta Alonso, Elena Ferro
Lamela e Lidia Nieves Domínguez, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Actuou como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

Da proposta de Carmen Riviero, titulada 'Vestido de noiva en tres versións', o xurado salienta no seu informe "a orixinalidade do feito de combinar dúas técnicas tradicionais: o tecido en tear de baixo lizo do vestido e o pantalón, e o encaixe de bolillos feito con liño do veo e o chaleco". Esta proposta combina unha serie de prendas que compoñen varias versións dun mesmo traxe de noiva, segundo se use o pantalón ou a sobre-saia, o que foi cualificado polo xurado "como unha composición de pezas moi versátil e moderna, xa que se trata dun conxunto de pezas evolutivo que pode irse modificando, permitíndolle moitas aplicacións".

Da proposta de Verónica Moar, que leva por título 'Lo que contiene', o xurado valorou "o feito de que se trata dunha peza na que destaca o seu acabado e o dominio das técnicas utilizadas: torneado, modelado a man, e reprodución por colada". Trátase dunha escultura en pequeno formato que, segundo explica a autora na memoria que presentou, "nos conduce a unha paisaxe que se desintegra e distorsiona, que se desfigura e restaura, onde o xeolóxico, o telúrico e o sísmico adxectivan de maneira elocuente a obra". Consta de dúas pezas, unha grande realizada en gres, con modelado á man e esmalte en branco con cristalizacións, e unha pequena de porcelana, reproducida por colada e decorada á man con óxidos.

Carmen Riveiro
Carmen Riveiro, Zas 1949, gaña o Premio Antonio Fraguas de Artesanía na modalidade 'tradicional', por segunda vez, xa que en 2006 fora galardoada pola peza 'Chal de liño'. A súa traxectoria está estreitamente vinculada á recuperación do traballo do liño, desde a semente ata a confección de todo o tipo de prendas. Conta coa carta de artesá de tecido desde hai máis de 25 anos e, ademais de elaborar pezas en liño con diversas técnicas, leva realizado un importante traballo de difusión e recuperación da cultura e da historia relacionada co liño e todos os procesos que implica. Ten participado en diversas exposicións por todo o país. Na actualidade continúa realizando cursos de formación no Castelo de Vimianzo.

Verónica Moar
Verónica Moar, A Coruña 1978, como ceramista traballa a arxila ou a porcelana expandindo as súas posibilidades en campos como a escultura, a performance e a danza contemporánea. Tomando como punto de partida unha técnica depurada, o traballo manual, o respecto polo oficio e unha coidada selección do material, a súa obra caracterízase polo seu matiz poético e narrativo, mais tamén por abrir vías á experimentación creativa desde o deseño e os procesos artesanais. A súa obra artística tense amosado en exposicións individuais e colectivas a nivel nacional e internacional.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X