Estás en:Emprego Novas

A Deputación homenaxea a unha ducia persoas e entidades na Gala de Premios culturais

O presidente da Deputación salientou "a importancia estratéxica que ten a cultura" e o apoio "aos nosos creadores e creadoras premiando o seu talento con galardóns coma estes e facendo a cultura accesible a todas as persoas, levándoa a todos os recunchos da nosa provincia"

O deputado de Cultura puxo en valor o traballo que se realiza desde a institución provincial para apoiar de xeito "sólido e estable" a creación artística. Un apoio que, ademais das convocatorias de premios, se vén incrementando con novas iniciativas como as Residencias Artísticas no Pazo de Mariñán

A Deputación homenaxea a unha ducia persoas e entidades na Gala de Premios culturais

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañados por parte da corporación provincial, encabezaron esta tarde a Gala de Premios culturais da Deputación na se homenaxearon as 12 persoas e entidades premiadas nas convocatorias do exercicio 2022.

Así, subiron ao escenario do Teatro Colón a poeta Yolanda Castaño, os escritores Lois Pérez e Amador Castro, o grupo Mallou, as artesás Carmen Riveiro e Verónica Moar, a artista gráfica Myriam Gesalaga, os debuxantes e guionistas de banda deseñada Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez Villanueva, o fotógrafo Brais Lorenzo, e as representantes da Comisión de Igualdade do Ceip Barouta e da Federación de Redeiras Artesás O Peirao. Ao igual que na pasada edición, a luz foi o fío condutor do acto e protagonista de toda a escenografía, incidindo no simbolismo da luz que todas as persoas premiadas aportan á Cultura, e por tanto á sociedade

O presidente Valentín González Formoso felicitou a todas as gañadoras e gañadores e destacou "a importancia estratéxica que ten a industria cultural galega, un sector fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia e para a proxección exterior do noso país", afirmou Formoso, que lembrou que do sector cultural dependen máis de 30.000 empregos e representa arredor do 2% do PIB galego.

"Na Deputación da Coruña cremos que a cultura en Galicia conta cun enorme potencial aínda por desenvolver, por iso tratamos de apoiar aos nosos creadores e creadoras premiando o seu talento con galardóns coma estes e por iso tratamos de facer a cultura accesible a todas as persoas, levándoa a todos os recunchos da nosa provincia", sostivo.

Pola súa banda, Xurxo Couto puxo en valor o traballo que se realiza desde a institución provincial para apoiar de xeito "sólido e estable" a creación artística. Un apoio que, ademais das convocatorias de premios, se vén incrementando con novas iniciativas como as Residencias Artísticas no Pazo de Mariñán. "É unha liña de traballo prioritaria que, no relativo á creación, implica a máis dun cento de persoas remuneradas porque, volvo repetilo unha vez máis, sempre defendemos que todos os elos do sistema cultural deber ser tratados profesionalmente".

O deputado de Cultura tamén aproveitou para defender "un modelo cultural propio" baseado en eixos como a lingua, a capacidade de transformación social da cultura e o traballo desde o local cara ao universal, abranguendo todo o territorio e sempre da man dos concellos, entidades e artistas e creadoras. Por último, tamén insistiu en manifestar o "orgullo de termos unha cultura propia que nos diferencia como pobo" e salientou "o talento e na potencia do noso sector cultural, e nomeadamente nos creadores e creadoras deste país".

A Gala estivo presentada pola xornalista Marga Pazos, e contou coas actuacións da contadora Carmen Conda e música de Antía Muíño. Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X