Cultura da Deputación presenta as propostas gañadoras do II Certame ‘Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia’
Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 200.000€, trata de poñer en valor o pasado medieval de Galicia a través da súa divulgación en diferentes formatos
Proxectos audiovisuais, un xogo de cartas, espectáculos, unha colección de roupa, cantigas, murais e ata un escape room son algúns dos proxectos premiados
A deputada de Cultura, Natividad González, deu a coñecer esta mañá as propostas gañadoras do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia'. Un certame que reparte 200.000€ entre os 20 proxectos seleccionados que contribúen á visibilización e reivindicación da historia medieval de Galicia a través de diferentes soportes: audiovisuais, xogos de cartas, espectáculos, unha colección de roupa e ata un escape room. "É un orgullo ver o noso pasado medieval representado en múltiples formatos que nos permiten chegar a públicos moi diversos" sinala a deputada.
Convocado o pasado mes de abril, este certame recibiu un total de 49 solicitudes, que foron avaliadas por un xurado composto por Diana Pelaz Flores, Carlos García Vieito e Carlos Lixó Gómez como vogais; a deputada de Cultura, Natividad González como presidenta, e a xefa da sección de Cultura e Deportes da Deputación da Coruña, Manuela Muñiz Souto, como secretaria.
Os 20 proxectos seleccionados, que recibirán 10.000€ cada un, céntranse na historia do Reino de Galicia como tal, ou en aspectos particulares e vinculados directamente a esta (figuras históricas, espazos, épocas, etc.). "Queremos contribuír a combater a desmemoria e descoñecemento deste período de gran esplendor do noso país" destaca Natividad González, "e así poder comprender mellor a actualidade, e camiñar cara un futuro con maior capacidade", engade.
O certame, que cumpre a súa segunda edición cun gran éxito de convocatoria, forma parte dunha liña de traballo da área de cultura da Deputación, á que se suman outras actividades. Entre elas, unha exposición itinerante sobre o medievo galego que se desenvolverá nas principais cidades da provincia durante a primavera do 2024, ou o congreso internacional celebrado o ano pasado en Santiago. O obxectivo é potenciar o coñecemento sobre o pasado do país, e máis concretamente sobre unha época tan descoñecida como a medieval, carente dun relato propio no imaxinario colectivo.
Proxectos seleccionados
- Dicionario da Galicia Histórica: un Reino da A á Z. Proxecto audiovisual transmedia de divulgación do Antigo Reino de Galicia presentado por Ciencia Galega Industrias Creativas S.L. Fai un percorrido polos puntos clave e de especial interese da historia do Reino de Galicia para abordalos dunha forma rigorosa pero desenfadada mediante vídeos en Youtube e pezas de TikTok e Instagram, a modo de Dicionario práctico. A través GCiencia detéñense nos 15 episodios más representativos e curiosos da nosa historia, particularmente da medieval, para desenvolvelos con explicacións accesibles para un público novo.
- Cronoaventuras: O Reino de Galicia, presentado por Aqueladas Sociedade Cooperativa Xuvenil, é un xogo de cartas cooperativo, onde xogadoras e xogadores terán que axudar a un viaxeiro espacial que está perdido no Reino de Galicia a recuperar a súa nave e volver ao seu tempo.
- Conexión co Reino, de Cristela Torres Nine, é unha miniserie de divulgación presentada por diversas celebridades do ámbito dixital para achegar o medievo galego ao día de hoxe. Cada capítulo trae unha curiosa relación entre elementos ou preocupacións do noso día a día que tamén se deron ou teñen a súa orixe no Reino de Galicia. É unha revisitación do concepto do documental pero trasladando estes conceptos cunha densa base teórica a un formato completamente nativo dixital, caracterizado polo dinamismo e polo atractivo visual. Deste xeito, creamos píldoras moi dixeribles que permiten aprender sobre a historia de Galicia ao mesmo tempo que nos fan reflexionar sobre o presente.
- Discordia & Reconciliatione: Unha escolma da "Historia Compostellana". Presentado por José García Sendón, é un proxecto editorial divulgativo que ten como primeiro obxectivo verter ao galego os episodios máis interesantes da crónica ou 'registrum' escrita en latín a comezos do século XII en Santiago coñecida como Historia Compostellana sive de rebus gestis D. Didaci Gelmirez, un denso compendio de variada documentación acumulada ao longo de varias décadas e varios autores, que constitúe un dos máis ricos repositorios de información histórica das primeiras décadas do século XII en toda Europa e a referencia imprescindible para coñecer a realidade de Compostela, Galicia, os reinos cristiáns do norte peninsular e as súas conexións internacionais naquela época. Finalmente, a produción do proxecto materializarase en distintos formatos: un libro, unha presentación-espectáculo multimedia, gravación de audiolibro estilo Liñas Paralelas e unha web asociada.
- Cantigas e murais para o coñecemento do Reino Medieval de Galicia, presentado por Xoan Curiel. Espectáculo didáctico en directo e con material adicional asociado a través da actualización musical das cantigas da lírica medieval galego-portuguesa; ben sexa en centros educativos ou en espazos proporcionados por concellos da provincia da Coruña. Mural: A pintora e muralista Raquel Germade, realizará unha serie de pinturas acerca de figuras históricas relativas ao Reino medieval de Galicia. Farase un seguimento do proxecto en vídeo e fotografía para despois realizar un breve teaser ou vídeoresumo de todas as intervencións pictóricas e tamén musicais onde incluiremos entrevistas cos mozos e mozas asistentes dos institutos e/ou concellos participantes.
- Pío Latrocinio, de Fernando Cortizo Rodríguez, consiste nun proxecto de documental animado que narra unha das historias máis sorprendentes da historía do cristianismo levada a cabo por un dos persoeiros máis importantes da memoria do Reino de Galicia e sobre todo dun suceso dos máis descoñecidas polo público en xeral e que sería desencadeante da historia que viviu o Reino e que aínda pervive ata os nosos días. O proxecto, constrúese sobre dous piares, por unha banda a narración da historia por parte dalgúns dos máis importantes historiadores da Galicia Medieval, e pola outra a técnica de animación, que acercará ás novas xeracións momentos importantes de noso pasado.
- María Balteira. Curtametraxe didáctica. Trátase dunha peza audiovisual de contido didáctico proposta por Sétima Sociedade Cooperativa Galega que xira ao redor das Cantigas medievais, poñendo o seu foco nas de escarnio e maldecir. A intención última do proxecto é divulgar a literatura galega medieval entre o alumnado, espertando o seu pensamento crítico para contextualizar mellor a lírica galaico-portuguesa, facendo ademais unha revisión feminista deste importante período cultural e histórico de Galicia.
- Suevos e galaicos. As orixes do Reino de Galicia. Noso Plans e Proxectos Sociedade Cooperativa Galega presenta o deseño e auto edición dun xogo de mesa de cartas, de xogabilidade sinxela, para todos os públicos, co obxectivo de divulgar a historia e vitalidade cultural do reino Suevo de Galicia a través dos contidos das cartas: personaxes singulares e grupos sociais, lugares, crenzas, obxectos e creacións culturais, etc.
- Unha Tiktoker no Reino de Galiza. Sara Seco Rial propón difundir a historia do reino galego a través de vídeos curtos en TikTok.
- O rei Afonso VIII da Galiza na Costa da Morte, de Bernardino Martínez Castiñeira. No verán de 1223 percorreu a Costa da Morte o derradeiro rei do Reino de Galicia o rei Afonso VIII de Galicia, aínda que coñecido como Afonso IX de León, asinando documentos e doazóns a mosteiros, realizou en varias etapas o camiño entre Santiago e A Coruña. O proxecto pretende recrear a través das artes escénicas os acontecementos e feitos históricos dentro do Reino de Galicia. Nesta edición, realízanse as seguintes etapas: de Cereixo a Serantes e de Serantes a Lendo. En cada etapa realizase a entrada a cabalo do rei co seu séquito e represéntanse diferentes escenas históricas.
- Game of fortes: episodio I. Ameaza clerical (Inmersión auditiva no Antigo Reino de Galicia). Presentado por Iván Dávila Grande, é un proxecto coproducido polas compañías NegroLópez e Limiar Teatro que xorde da vontade de dar a coñecer a nosa historia e o noso patrimonio, entre o público máis novo, dun xeito lúdico e innovador. Trátase dunha experiencia sensorial na que os participantes redescubrirán parte do noso pasado, superando unha serie de desafíos propostos polos personaxes históricos que o protagonizaron.
- "Porto de Bois": unha experiencia de historia ao vivo. Aldán López Dacosta presenta a primeira Xornada de Historia Viva «Porto de Bois»: un evento inmersivo para 20 persoas que se queiran formar tanto neste episodio da nosa historia como no concepto de recreación histórica. Este proxecto pretende singularizar un período moi longo (de 1339, data en que se coñecen o príncipe Pedro de Portugal e Inés de Castro, a 1388, momento en que Xoán de Gante, última esperanza do bando castrista, renuncia á coroa galega) nun evento concreto: a Batalla de Porto de Bois de 1371, que é a última grande oportunidade dunha vitoria militar directa por parte da galega Casa de Castro.
- O legado do Reino de Galicia_Escape room. Artefeito Producións Sociedade Cooperativa Galega presenta un Escape Room en liña, orientado ao alumnado de Educación Secundaria da provincia da Coruña, centrado nunha visión global do Reino Medieval de Galicia e con rigor histórico. O xogo estará aloxado nunha web, que se facilitará á Deputación Provincial da Coruña e que será accesible desde dispositivos móbiles e ordenadores.
- O segredo do Betanzos Medieval: Unha ruta histórica para descubrir unha das sete capitais do Reino de Galicia. De Marma Sociedade Cooperativa Galega, este proxecto ten a finalidade de crear unha ruta histórica sobre aspectos pouco coñecidos de Betanzos a través dunha formulación atractiva para a poboación e formulado a través de anécdotas ou segredos que se darán resposta en oito píldoras de vídeo en torno ás temáticas: Betanzos vila e o seu traslado, a casa dos Andrade, o gótico e o calendario medieval de Santa María de Azougue, a declaración de cidade por Enrique IX de Castela e a súa feira anual, a declaración de capital do Reino de Galicia baixo o reinado dos Reis Católicos, as Revoltas Irmandiñas e a disposición da cidade e forma de vida a finais da Baixa Idade Media.
- Guía Visual do Reino Medieval de Galiza. Combinando ilustracións, mapas e fotografías que se acompañarán con textos accesíbeis, o "Guía Visual do Reino Medieval de Galiza" proposto por Trespés Producións Culturais S.L.U. pretende ser un recurso de referencia para público xeral, estudantado que procure saber máis sobre a fascinante historia de Galiza, e concretamente do seu período medieval.
- Historia do Reino de Galiza en 10 minutos. O proxecto, de Daniel Seoane Souto, simplifica nun vídeo de 10 minutos aqueles fitos políticos, lingüísticos e culturais máis relevantes na comprensión histórica do reino galego desde o ano 411 até 1833, nunha linguaxe dedicada a un público xeral. Un recurso pedagóxico susceptíbel de ser utilizado como material didáctico en niveis educativos de primaria, secundaria e bacharelato. O propio formato audiovisual permite que o seu contido sexa accesíbel a través de móbeis, tablets, televisións e computadores.
- Biografías esenciais do Reino da Galiza. As grandes figuras históricas cuxa traxectoria explica parte da historia do Reino da Galiza continúan a ser as grandes descoñecidas para a poboación galega en xeral e mesmo para o público máis interesado. Este proxecto de Sermos Galiza pretende sacar da ocultación a parte destes persoeiros e divulgar a súa traxectoria, mediante as seguintes accións: a) Publicación de 3 libros b) Edición e publicación de 3 podcasts cun resumo sintético do contidos dos 3 libros e cunha duración de 10 minutos cada un.
- O Panteón Real de Compostela: A Alianza do Regnum e o Sacerdotium para a configuración dun Templo Nacional. Constitúe un proxecto de estudo da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, difusión e posta en valor dunha época de gran importancia para o Reino Medieval de Galicia, en torno aos séculos XII e XIII, en relación coa alianza establecida entre a Igrexa Compostelá e os monarcas da dinastía Borgoña para o establecemento dun templo en Compostela: - Publicación dun catálogo sobre o papel dos reis na construción da catedral compostelá - Edición dun folleto de man sobre a Capela dos Reis que se entregará de balde aos visitantes do Museo Catedral de Santiago - Creación dun apartado específico centrado no Panteón Real compostelán dentro da páxina web do Museo Catedral - Realización dunha serie de vídeos divulgativos - Elaboración dunha exposición virtual na plataforma Google Arts & Culture, sobre o Panteón Real - Realización e desenvolvemento dun programa educativo dirixido aos centros escolares de Galicia e que incluirá a realización de materiais didácticos e visitas guiadas de balde ao Panteón Real.
- Onda gravitatoria Balteira. María Estíbaliz Espinosa del Río inspírase para este proxecto na Idade Media creativa e pre-científica para revisitala á luz da poesía e a astronomía actuais: - Publicación dun libro que aúne divulgación sobre astronomía medieval - Gravación dun audiolibro con paisaxes sonoras gravadas no Centro Astronómico de Trevinca durante observacións nocturnas, así como sonificacións interestelares da NASA, que sirvan de base para textos poéticos actuais propios mesturados con textos medievais - A gravación e difusión de varios temas musicais medievais galegos e europeos.
- O Reino de Galiza na moda. Deseños para conectar o pasado co presente. Proposta da marca galega de roupa Acontravento, formulada por Daniel Portela Macua, pretendendo divulgar a existencia do Reino Galego a través dunha fórmula nunca explorada previamente. Consiste na realización dunha colección de roupa, chamada Reino de Galiza, composta por catro deseños, estando inspirados en dous dos acontecementos máis destacados deste período histórico: O Reino Suevo e as Revoltas Irmandiñas.