Estás en:Emprego Novas

Cultura da Deputación presenta as Residencias Artísticas Mariñán 2024

Seleccionará oito proxectos: catro do eido da música e outros catro de literatura e pensamento

As Residencias desenvolveranse entre o 15 e o 26 de abril, e terán unha duración máxima de seis días os da música, e de doce días os literatura e pensamento

O prazo de tramitación de solicitudes estará aberto desde hoxe ata o 23 de febreiro

Cultura da Deputación presenta as Residencias Artísticas Mariñán 2024

A Deputación da Coruña volve reforzar as súas liñas de apoio a creadoras e creadores dándolles continuidade ás Residencias Artísticas Mariñán. Presentáronas esta mañá na sede provincial a deputada de Cultura, Natividade González, e a comisaria de música, Aitana Cuétara.

Apoio ao proceso artístico

«Con esta segunda edición das Residencias, complementamos a aposta por apoiar activamente as creadoras e creadores, como o noso departamento vén facendo desde hai anos coa convocatoria anual de bolsas artísticas e de premios e certames nos diferentes ámbitos e disciplinas», salientou González. «Nesta caso, reforzamos dous programas centrados non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolver os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións».

Coas Residencias, a área de Cultura provincial quere, en palabras da deputada, «apoiar uns espazos que doten de tempo e de recursos aos artistas: unha necesidade que se consolida no mundo da cultura e unha necesidade para a creación artística».

Para Aitana Cuétara, «é moi importante que a administración aposte por acompañar estes procesos e que todos sexamos conscientes do necesario que é para os creadores ter o tempo, ter os recursos económicos e ter a formación para aprobar iso. Neste sentido, as Residencias Mariñán son únicas, algo que hai que agradecerlle ao departamento de Cultura da Deputación».

Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento para desenvolver a súa estadía no Pazo de Mariñán entre o 15 e o 26 de abril. Cada residencia terá unha duración máxima de seis días, no caso das musicais, e de doce, no caso das literarias e de pensamento.

O programa de música quere promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente; establecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións. Pola súa parte, o programa literario busca fornecer as condicións favorables para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios.

Dotación das residencias
A residencias inclúen a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas; manutención e aloxamento para as e os participantes, e acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria e do comisario co fin de facilitar a súa viabilidade. No caso das estadías de música, tamén formación específica para a profesionalización e a distribución das propostas, que farán persoas expertas convidadas; visitas e reunións de axentes culturais e programadores e programadoras, para apoiar a continuidade do traballo feito nas estadías dentro dos circuítos musicais; e financiamento das necesidades técnicas da creación: deseño escénico, de luces e de son ou o vestiario. No caso das estadías de literatura, programarase, ademais, unha xornada con convidados e convidadas do mundo da creación e do pensamento.

O xurados estarán presididos pola deputada de Cultura e formarán parte de cada un deles tres persoas expertas de recoñecido prestixio.

Proxectos referentes que naceron en Mariñán
Na primeira edición das residencias de música participaron Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal. E, nas de literatura e pensamento, Vanesa Martínez, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Esther Carrodeguas, Soraya Lema, Abraham Pérez e María Marco. En Mariñán empezaron a desenvolverse traballos coma Quitar o aire, o último disco de Caamaño&Ameixeiras; o proxecto Cuarteto Federal, encontro entre catro talentos do jazz contemporáneo español: o galego Xacobe Martínez, o andaluz Javier Galiana, o catalán Guillem Arnedo e o canario Kike Perdomo; Só un solo, que lle valeu a Mario G. Cortizo o Premio Martín Códax da música galega 2023; ou Iribarne, texto teatral de Esther Carrodeguas que levou a escena, con grande éxito, o Centro Dramático Nacional.

O prazo de presentación de solicitudes —que deberá facerse de xeito telemático a través da plataforma SUBTEL de tramitación electrónica da Deputación— estará aberto entre o 23 de xaneiro e o 23 de febreiro.

As bases das dúas convocatorias publicáronse no BOP do 22 de xaneiro e poden consultarse e descargarse nas seguintes ligazóns:

  • i.gal/wa4NW, das residencias musicais.
  • i.gal/a26IG, das residencias de literatura e pensamento.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X