Estás en:Emprego Novas

O encontro ‘Cultura e cidadanía’ do Ministerio de Cultura acolle a presentación do libro 'A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura'

A deputada de cultura, Natividade González e a investigadora, creadora e xestora cultura, Sabela Mendoza, presentaron o libro durante esta mañá no Museo do Pobo Galego, nun coloquio moderado polo coordinador da publicación, Alberto de Boiro

Ademais, a deputada participou no acto de benvida institucional, previo á presentación do libro

"Dende a Deputación da Coruña defendemos un modelo que aposta por unha cultura que coida, concilia, tece redes de apoio e convivencia e que, en definitiva, mellora a vida das persoas e reforza o sentimento de comunidade" salientou Natividade González

O encontro ‘Cultura e cidadanía’ do Ministerio de Cultura acolle a presentación do libro 'A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura'

O Museo do Pobo galego acolleu hoxe a presentación do libro A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura; unha actividade que se enmarca no programa do 'X Encontro Cultura e Cidadanía' do Ministerio de Cultura, que se está a desenvolver dende onte en Santiago de Compostela. A deputada de cultura, Natividade González, e a investigadora, creadora e xestora cultural, Sabela Mendoza foron as encargadas de presentar a publicación, nunha xornada moderada polo seu coordinador, Alberto de Boiro.

Presentación que se celebrou trala benvida institucional, na que tamén participou a deputada de cultura, que se referiu ao modelo cultural da Deputación da Coruña como punta de lanza "dunha cultura que coida, concilia, tece redes de apoio e convivencia e que, en definitiva, mellora a vida das persoas e reforza o sentimento de comunidade". Neste sentido, sinalou que "a cultura non é soamente un sector; cultura é identidade, é a nosa forma de relacionarnos e de habitar o planeta, é igualdade, lingua, tradición, memoria... pero, sobre todo, cultura é transformación social".

Ademais, Natividade González falou das xornadas de 'A cultura é un dereito', que "levamos celebrando dende o 2018 no Pazo de Mariñán, abordando cuestións como a igualdade, a inclusión, a proximidade, a sustentabilidade, a promoción de prácticas culturais que van máis aló dos retornos monetarios ou a saúde, que será a temática deste ano". O libro A cultura é un dereito: unha visión social da cultura é "o resultado máis tanxible desas xornadas", engadiu. "Unha compilación de textos de persoas con experiencia e coñecemento acreditado, e que en conxunto ofrecen unha visión moi necesaria de por onde debe ir o enfoque das políticas culturais na próxima década."

Durante o coloquio que compartiu con Sabela Mendoza e moderou Alberto de Boiro, a deputada destacou o cambio de paradigma provocado pola crise de 2008-2015. "Pasamos do marco das industrias culturais e do retorno económico, que ocupou durante os anos previos de bonanza económica toda a centralidade do discurso cultural, a un novo marco onde se valora máis o retorno social, a sostibilidade dos proxectos e a súa utilidade para a mellora social das persoas e dos entornos".

En canto á pregunta sobre o desexo para o ecosistema cultural, González respondeu que, no caso galego, son dous: "o primeiro é que o noso talento, creatividade e capacidade creativa e artística conte con políticas culturais públicas que sexan cómplices e aposten por darlle visibilidade e un contexto favorable. Necesitamos unha política cultural de país, seria, solvente, dialogada e planificada". E, o segundo, "que nestes anos se consolide unha visión social da cultura e que a centralidade das políticas culturais a ocupe a cidadanía, a través do marco dos dereitos culturais. Gustaríame unha visión da cultura como unha ferramenta para construír unha sociedade mellor".

Sobre o ecosistema cultural español, "temos que reivindicar o recoñecemento real da diversidade cultural e lingüística do Estado e que ese recoñecemento teña consecuencias prácticas nas políticas culturais do Ministerio e do aparato cultural e comunicativo estatal".

E, para pechar a conversa, a deputada dixo que, dentro de 10 anos, imaxina o sector cultural como "un sector vivo, dinámico, consciente do seu papel en relación á sociedade á que pertence e que teña posibilidades reais de se desenvolver plenamente porque exista un marco, un contexto de políticas públicas, que favoreza ese desenvolvemento".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X