Estás en:Emprego Novas

O cine Alfonsetti de Betanzos acolle este venres a estrea do documental de homenaxe da Deputación a Jesús Núñez

Logo da proxección, que será ás 20h, está programado un coloquio no que intervirán a deputada de Cultura, Natividade González; Antón Taboada, da asociación sociocultural Zona Hadal, e Pedro Galilea, da Fundación CIEC

Ao día seguinte, o sábado 22, de 10:00 a 14:00  haberá xornada de portas abertas no CIEC

O cine Alfonsetti de Betanzos acolle este venres a estrea do documental de homenaxe da Deputación a Jesús Núñez

O cine Alfonsetti de Betanzos acolle este venres ás 20 horas a estrea de "Jesús Núñez. Mestre de mestres", o documental realizado pola asociación sociocultural Zona Hadal e impulsado pola Deputación da Coruña e o Centro Internacional de Estampa Contemporánea (CIEC), fundado por Núñez, para dar a coñecer a figura e a obra do artista brigantino, falecido en 2023, e o propio CIEC. Logo da proxección está programado un coloquio aberto ao público no que intervirán a deputada de Cultura, Natividade González; Antón Taboada, de Zona Hadal, e Pedro Galilea, do CIEC. Ademais, o sábado 22, haberá no CIEC unha xornada de portas abertas, de 10 a 14h, como parte desta homenaxe ao artista.

"Jesús Núñez. Mestre de mestres" reconstrúe a vida e o traballo de Núñez a través dos testemuños do propio Galilea, sobriño do artista; Ángel Arcay, historiador e director do Museo das Mariñas; Tita Fraga e Isabel Durá, antigas alumnas do CIEC, ou Mercedes Fernández-Albalat, ex xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da Deputación, quen fala da vinculación da administración provincial co CIEC, co que colabora desde a súa fundación en diferentes proxectos como o Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, que este ano chega á súa vixésima edición.

Natividade González animou a betanceiros e visitantes a achegarse á estrea "para render homenaxe a unha das figuras máis sobranceiras das nosas artes; un artista total: gravador, pintor, escultor, deseñador de xoias, téxtil e de interiores; mestre de xeracións de creadores e creadoras".

O documental pon en valor a figura de Jesús Núñez e fai un repaso pola súa traxectoria, desde a súa época de estudante na madrileña Escuela de Bellas Artes de San Fernando e Escuela Nacional de Artes Gráficas —formación que completaría en Berlín e París— ata a súa volta a Betanzos, onde instalou taller e fundou o CIEC, institución que tamén se dá a coñecer. Núñez creou unha obra que chegou a ser incluída nas bienais de Venecia e Tokio e que se caracteriza pola diversidade de técnicas e materiais, así como pola constante experimentación e busca de novas formas de expresión. Valeulle numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Gran Premio de Gravado no II Certame Nacional de Artes Plásticas de Madrid (1963) e o Primeiro Premio de Arte e Estampaxe da Exposición Nacional de Arte Contemporáneo de Madrid (1970). En abril de 2014, Núñez foi nomeado fillo predilecto de Betanzos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X