A Deputación inaugura unha exposición polo XX aniversario do Premio Castelao de Banda Deseñada no marco da MiiC
A exposición poderá visitarse ata o 15 de maio na Sede Afundación de Santiago de Compostela e inclúe actividades paralelas como encontros con artistas e charlas sobre ilustración contemporánea, un completo programa que se desenvolve en colaboración con Afundación

A Deputación abre ao público unha mostra bibliográfica polo XX Aniversario do Premio Castelao de Banda Deseñada, e desenvolve un completo programa de actividades paralelas en colaboración con Afundación. Trátase dunha actividade complementaria propia da Deputación no marco da celebración da V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación (MiiC), que ten lugar Santiago de Compostela. Esta exposición pon o foco nas obras publicadas ao abeiro do certame, consolidado como un referente no ámbito cultural galego.
A mostra articúlase arredor de dous eixos principais. Por unha banda, expóñense as ilustracións das dúas últimas obras editadas do premio: Rosalía oculta, de Paula Mayor Agrelo (gañadora na modalidade xeral), e O día de San Martiño, de Cristian Fojón Caruncho (gañador na modalidade LIX). E, pola outra, preséntase a colección completa de todos os libros publicados ao longo destas dúas décadas, ofrecendo unha visión panorámica da evolución estética e temática da banda deseñada galega contemporánea.
A exposición poderá visitarse ata o 15 de maio no andar 0 da Sede Afundación en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19) de luns a sábado (festivos incluídos) en horario de 12h a 14h e de 16:30h a 20:30h. Entrada de balde. Unha iniciativa que se enmarca dentro das actividades que a Deputación organiza ao abeiro de DIVERSA, V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación, MiiC5, que se desenvolve nos andares 1 e 2 da mesma sede.
A programación complétase cunha xornada de actividades abertas ao público que tera lugar o 10 de maio, na que se desenvolverán, por un lado, os Open MiiC, que consiste en encontros nos que os artistas da mostra comentarán as súas obras in situ, conversando co público asistente. E, pola outra, a FELiiC : un programa de charlas arredor da edición e o libro ilustrado, cunha mesa dedicada ao XX aniversario do premio. Participarán Miguelanxo Prado (creador do certame), as recentes gañadoras Laura Estévez e Sandra López Díaz, e ilustradoras convidadas de DIVERSA como Ana Jarén, Harsa, Mariona Cabassa e Emily Eldridge.
Open MiiC
Encontros informais entre público e artistas, onde as ilustradoras e ilustradores explican as pezas que teñen expostas na MiiC, que serán gravados para a elaboración dunha serie de pequenas pezas audiovisuais que despois serán compartidas publicamente a través das diferentes redes sociais institucionais. O obxectivo desta iniciativa é favorecer o diálogo directo entre obra, artista e público, desentrañando o proceso creativo, a técnica utilizada, a temática que agocha cada peza e o entendemento subxectivo da obra por parte do que a observa. Unha oportunidade para acercarse ao traballo e proceso creativo dos ilustradores e ilustradoras.
FELiiC, Charlas de Edición e Libro Ilustrado
Esta iniciativa céntrase na edición e auto-edición de libros ilustrados que están relacionados directamente cos traballos das ilustradoras e ilustradores que participan na MiiC, facendo especial fincapé, ademais, na difusión do Premio Castelao de Banda Deseñada organizado pola Deputación.
Esta quinta edición vaise reforzar cunha exposición dos gañadores do Castelao 2023 que complemente o programa da FELiiC, Cristian Fojón Caruncho e Paula Mayor Agrelo.
Con motivo da efeméride do XX aniversario do Castelao, programarase dentro do FELiiC unha mesa redonda na que conversarán algunhas das persoas implicadas na súa creación e as gañadoras da pasada edición: Sandra López Díaz e Laura Suárez Fernández.