Estás en:Emprego

Cultura da Deputación presenta a cuarta edición de Escora Danza, que se desenvolverá en cinco concellos do 25 de maio ao 8 de xuño

Malpica acolleu esta mañá a presentación do proxecto, onde participou a deputada de cultura, Natividade González; a comisaria, Marcia Vázquez, e representantes dos concellos participantes: Corcubión, Malpica de Bergantiños, Muxía, Vimianzo e Zas

Escora Danza é un proxecto da Deputación da Coruña de ámbito social, comunitario e interxeracional que traballa en mediación co tecido cultural e social na Costa da Morte, coa danza contemporánea como eixo vertebrador

Cultura da Deputación presenta a cuarta edición de Escora Danza, que se desenvolverá en cinco concellos do 25 de maio ao 8 de xuño

Malpica acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición de Escora Danza, un proxecto da Deputación que se desenvolverá do 25 de maio ao 8 de xuño nos concellos de Corcubión, Malpica, Muxía, Vimianzo e Zas, co obxectivo "tecer pontes entre a creación artística e a vida das nosas vilas, entre a danza contemporánea e o sentir profundo dos nosos territorios", tal e como destacou a deputada, Natividade González.

"ESCORA non é simplemente unha programación de espectáculos; é un proxecto que entende a cultura como un dereito, como unha ferramenta de transformación social e como un espazo de encontro" expresou González. "Trátase de crear dende o territorio e co territorio, de recoñecer os saberes locais e poñelos en diálogo coas linguaxes contemporáneas". A danza convértese, así, nunha "ferramenta de cohesión, de recoñecernos como comunidade. Dende as crianzas ata as persoas maiores, pasando polas asociacións culturais, ESCORA implica, convoca e convida. Aquí non hai espectadores pasivos: hai participación activa, hai corpo, emoción e pertenza", apuntou. E, concluíu, "a cultura pública, viva e descentralizada, é tamén un acto político de coidado, democracia e xustiza social".

A comisaria do proxecto, Marcia Vázquez, sinalou que "unha das maiores forzas" da danza é a de "xerar unha unión". Neste sentido, explicou que o programa "atende a tres eixos concretos: a diversidade LGTBIAQ+, o ecoloxismo e o coidado do territorio, e a música e danza tradicionais dende unha perspectiva contemporánea"

Programa
5 concellos, 15 asociacións e 9 compañías ou artistas galegas conforman un programa que, durante tres fins de semana entre o 25 de maio e o 8 de xuño, encherá as rúas de danza nunha diversidade de formatos. Unha programación que inclúe propostas escénicas de carácter multidisciplinar, con música en directo, residencias, encontros de reflexión, obradoiros interxeracionais, roteiros e unha limpeza de río.

  • Corcubión (25 e 31 de maio):
    • Residencia artística en colaboración co concello dos artistas Brais Pombo e Fran Rodríguez para o proxecto "Do outro lado" do 25 de maio ao 8 de xuño.
    • 25 de maio: 17:00h. Faladoiro "Arte, Territorio e Ecoloxía: alianzas e desafíos da cultura co mundo rural". Cós artistas residentes Brais Pombo e Fran Rodríguez, Asociación Ecosocial Cultural e Medioambiental Boca de Sapo, Universidade Popular, Escola Teatro de Corcubión, Compañía de Teatro Farándula Velutina, Distrito Forestal V de Vimianzo, Asociación de Veciños San Pedro de A Redonda. Mediado por María Bella. Roteiro conxunto para finalizar a xornada.
    • 31 de maio: Obradoiro a Farándula Velutina e á Escola de Teatro de Corcubión.
      • Ás 21:30h na Capela do Pilar, mostra da residencia "Do outro lado" de Brais Pombo e Fran Rodríguez.
  • Zas (30 de maio e 5 de xuño):
    • 30 de maio: Actividades co alumnado do IES Maximino Romero e CPI Zas.
      • Ás 18:30 haberá un paseo con limpeza á beira do río que rematará co espectáculo "Velaiquich, amoorch!" de Colectivo D'elas.
    • 5 de xuño: Obradoiro "Tempostagem" ao CPI Zas
  • Malpica de Bergantiños (1 de xuño):
    • 1 de xuño: Obradoiros para o Fogar de Pensionistas San Adrián do Mar e para a cativada de AC Raigañas
      • Ás 13:30h, espectáculo "Ousar" de Amparo Martínez no Paseo da Praia.
      • Ás 19:00h no Porto de Malpica o espectáculo "77.000" de Colectivo DeXeito e "Lea", espectáculo creado na edición anterior do festival por Fran Sieira xunto á Asociación Adro de Baio.
  • Muxía (6 e 7 de xuño):
    • 6 de xuño: Obradoiro "Tempostagem" ao IES Ramón Caamaño
    • 7 de xuño: Obradoiro para a veciñanza.
      • Ás 18:30 un roteiro participativo co título "Deriva Senso-sonora" guiado por Elsa Pereira que bailará ao chegar á Praza Cabo Vila, onde tamén haberá un concerto performativo de Mourae "Uma manhã que de ontem chega"
  • Vimianzo (6 e 8 de xuño):
    • 31 de maio ao 8 de xuño: Residencia artística do artista Noel Quintela co proxecto "León"
    • 6 de xuño: Obradoiros ao IES Terra de Soneira e á Asociación Trubisquiña
    • 8 de xuño: Ás 12:30, no Castelo de Vimianzo os espectáculos "Pensar a contratempo" de Suevia Rojo e "León" de Noel Quintela. Pecharase a xornada cunha foliada.

Toda a programación pode consultarse en https://escoradanza.gal/

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X