Cultura da Deputación presenta as Residencias Artísticas Mariñán 2025
A deputada de cultura, Natividade González, explicou os detalles da iniciativa acompañada da comisaria das residencias musicais, Aitana Cuétara, e o das de literatura e pensamento, Roberto Abuín
Seleccionaranse un total de 8 proxectos: 4 musicais e 4 de literatura e pensamento, que desenvolverán as súas estadías artísticas no Pazo de Mariñán do 31 de marzo ao 11 de abril
O prazo de inscrición para participar nas residencias está aberto ata o 14 de febreiro

A área de cultura da Deputación presentou esta mañá na sede provincial as Residencias Artísticas mariñán 2025; un proxecto que cumple a súa terceira edición e está destinado ao apoio á creación artística. Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que as creadoras e creadores poderán traballar no Pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril.
No caso das residencias musicais, as estadías dividiranse en dúas quendas: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas. As solicitudes poden presentarse de xeito telemático a través da Plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL) ata 14 de febreiro.
"Trátase dun dos proxectos máis fermosos e dificultosos. Non contamos cunha obra final, nin estamos mercando un produto, senón que apostamos polo propio proceso creativo, e ese é precisamente o sentido que queremos darlle" sinalou a deputada. "Queremos contribuir a que creadores e creadoras dispoñan de espazo, tempo e recursos para investigar, experimentar, crear... Para unha administración pública é unha necesidade e unha obriga" engadiu.
Natividade González apuntou tamén que "ademais do propio espazo do Pazo de Mariñán, ogrecemos asesoramento e formación especializada" e referiuse á experiencia das dúas edicións anteriores, "marabillosa, e da que están ahora mesmo brotando algúns proxectos que xurdiron alí e hoxe están triufando no mercado".
A deputada convidou a "creadores do país" a inscribirse nas Residencias ata o próximo 14 de febreiro e formar parte deste programa "que facemos con tanto cariño e afecto porque é o futuro para os artistas pero tamén para a sociedade galega".
A comisaria das residencias musicais, Aitana Cuétara, agradeceu á Deputación a "confianza e a aposta polos procesos creativos, que non é algo habitual. Sempre apostamos polos produtos artísticos rematados e non polos procesos en si mesmos, e darlle a oportunidade a creadoras para desenvolver as súas ideas é importantisimo" sinalou. Aitana tamén fixo referencia á "importancia" de que convivan proxectos musicais e de literatura e pensamento, "créanse moitas redes entre eles, os proxectos mutan, e é tremedamente importante e enriquecedor. Así como a parte formativa, con expertos de outras materias que acompañan aos creadores no proceso e que poidan desenvolver o proxecto no ámbito profesional".
Pola súa parte, o comisario das residencias de literatura e pensamento, Roberto Abuín, reiterou o agradecemento á area de cultura da entidade provincial por "apoiar procesos". "Nunha época como a actual é especialmente importante para o tecido social. É que, ademais, a música, a arte, o pensamento... contribúen á felicidade humana, polo que é beneficioso tanto para os artistas como para a sociedade". Roberto tamén destacou as sinerxías que xurden entre todos os participantes "estamos xuntas, desfrutando do momento común de aprender, convivir e crear, e é un gran espazo comunitarista". Ademais, falou de "algunhas das obras que alí xurdiron e que hoxe están sendo publicadas ou entrando en editorial", o que demostra a gran contribución que supón para o país.