Estás en:Emprego

A Deputación entrega na IV Gala de Cultura os premios aos 14 gañadores dos certames culturais 2024

O Teatro Colón acolleu esta tarde a cita, presentada por Susana Pedreira e coas actuacións de Alana e Fran Sieira, onde se entregaron os premios aos gañadores do Torrente Ballester de Narrativa; o Castelao de Banda Deseñada; o Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil; o González Garcés de Poesía; o Antonio Fraguas de Artesanía; o Fran Pérez 'Narf' de música; o Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero; o Jesús Núñez de Arte Gráfica e o Luís Ksado de fotografía

A deputada de Cultura, Natividade González, defendeu, durante a súa intervención na gala, a cultura como "o alento que nos permite mirar o mundo con empatía, valentía e alegría", e destacou a forza dun país "talentoso, orgulloso e moi vivo" que atopa na creación artística "a arma máis poderosa"

O presidente, Valentín González Formoso, subliñou o papel da Deputación como "motor cultural da provincia" e incidiu tamén na dimensión económica do sector cultural, "que supón o 3% do PIB galego e sostén máis de 35.000 empregos", polo que a industria cultural é tamén "un eixo de crecemento económico"

A Deputación entrega na IV Gala de Cultura os premios aos 14 gañadores dos certames culturais 2024

O Teatro Colón acolleu esta tarde a IV Gala da Cultura da Deputación da Coruña, unha cita que converteu o escenario nun espello da riqueza cultural de Galicia, mesturando raíces tradicionais con visións contemporáneas. A reivindicación do patrimonio cultural galego como ferramenta de futuro foi protagonista dunha gala conducida pola xornalista Susana Pedreira, coas actuacións de Alana e Fran Sieira, e na que encabezaron a representación da corporación provincial a titular de Cultura, Natividade González, e o presidente, Valentín González Formoso. Acompañáronos na entrega de galardóns ás persoas e asociacións gañadoras dos premios convocados polo departamento provincial de Cultura en 2024 o vicepresidente, Xosé Regueira, e outros membros da corporación provincial.

Os premiados
As persoas e representantes dos proxectos premiados nos certames culturais de 2024 que pasaron polo escenario do Colón para recoller os seus galardóns, unha peza da escultora Soledad Penalta, son os seguintes:

  • Torrente Ballester de narrativa: Loli Rodríguez (en lingua galega) e Jose Antonio Bonet (en lingua castelá).
  • Castelao de banda deseñada: Sandra López (modalidade xeral) e Laura Suárez (modalidade LIX).
  • Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Érica Esmorís (modalidade infantil) e Rosa Aneiros (modalidade xuvenil).
  • González Garcés de poesía: Gonzalo Hermo.
  • Antonio Fraguas de artesanía: Borja Canedo (modalidade tradicional) e Ezequiel Franchi (modalidade contemporánea).
  • Fran Pérez 'Narf' de música: Carabela.
  • Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: María Encarnación Otero (premio á traxectoria) e Asociación Andar cos tempos (premio á iniciativa).
  • Jesús Núñez de arte gráfica: Jose Andrés Santiago.
  • Luís Ksado de fotografía: Vicente Fraga.

A gala comenzaba coa benvida da deputada de cultura, Natividade González, que reivindicou a cultura como "o alento que nos permite mirar o mundo con empatía, valentía e alegría", e destacou a forza dun país "talentoso, orgulloso e moi vivo" que atopa na creación artística "a arma máis poderosa; unha ferramenta de liberdade e xustiza". "O 'novo tradi' non é unha moda, é memoria viva, é a nosa identidade reinventada", afirmou, en referencia ao fío condutor da gala, centrado na reinterpretación contemporánea das tradicións galegas.

"Esta é unha cita", afirmou a deputada, "na que celebrar, dende a colectividade, a nosa identidade". "Na que celebrar a nosa cultura, que é moito máis ca un conxunto de tradicións, músicas, danzas ou libros, xa que é a esencia mesma da nosa maneira de vivir e de entender o mundo", engadiu. "É, sen dúbida, o motor que nos empuxa a crear, a reflexionar e a transformarnos como individuos e como sociedade".

Pechaba a gala o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou o papel da Deputación como "motor cultural da provincia". "A nosa ambición é facer a cultura accesible a toda a cidadanía, a todos os concellos, con ferramentas tan potentes como a Rede Cultural, que cada ano programa máis de 2.200 espectáculos nos 93 municipios coruñeses, ou co apoio que prestamos ás bibliotecas e ás escolas de música e danza dos municipios máis pequenos, nas que se forman centos de rapaces e rapazas, máis tamén apoiando decididamente aos nosos creadores con premios como estes que recoñecen o talento, a creatividade e o esforzo", afirmou.

O presidente incidiu tamén na dimensión económica do sector cultural, "que supón o 3% do PIB galego e sostén máis de 35.000 empregos", polo que a industria cultural é tamén "un eixo de crecemento económico"

Encaixe de Camariñas
O encaixe de Camariñas foi outro dos protagonistas, como símbolo desa reinterpretación da tradición presente en toda a gala. Vestiu a presentadora –que levou un traxe firma de José Mateos – e todos os elementos gráficos, inspirados nas formas do encaixe, nunha instalación que no escenario dialogou coa peza audiovisual que Nela Fraga creou a partir de imaxes do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. Os músicos de Alana levaron un deseño de La Mapache creado para a ocasión, inspirado tamén no "novo tradi". Antes, artesás da Mostra do Encaixe de Camariñas palillaron no vestíbulo. De volta ao escenario, Alana puxo a música e a compañía de Fran Sieira, a danza, que tamén se gozou desde a platea, onde os bailaríns e as bailarinas se mesturaron co público.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X