Estás en:Emprego

Cultura da Deputación crea o premio José Gil de audiovisuais

Outorgará premios, de 6.500 euros cada un, para os gañadores das tres categorías: guión de longametraxes de ficción en lingua galega, guión de longametraxes documentais en lingua galega e traxectoria ou iniciativa de especial relevancia no audiovisual galego

O prazo de presentación de guións e candidaturas estará aberto entre o 28 de abril e o 28 de maio

Cultura da Deputación crea o premio José Gil de audiovisuais

A área de Cultura da Deputación da Coruña suma un novo certame ao seu catálogo de premios á creación, o José Gil de audiovisuais. Terá unha dotación de 19.500 euros, 6.500 para cada un dos gañadores das tres categorías a concurso: guión de longametraxes de ficción en lingua galega, guión de longametraxes documentais en lingua galega e traxectoria ou iniciativa de especial relevancia no audiovisual galego.

As candidaturas da modalidade de traxectoria ou iniciativa presentaranse de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL), mentres que os orixinais das categorías de guión deberán remitirse en sobre pechado, polo tradicional sistema de plica. O prazo estará aberto entre o 28 de abril e o 28 de maio. O xurado estará presidido pola Deputada de Cultura, Natividade González, e formado por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual.

O comisario do certame é o investigador Manolo González, que foi creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998); profesor na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; responsable da área de cine e vídeo na dirección xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa (1984); creador e director da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (2005-2009), e galardoado en varias ocasións nos premios do audiovisual galego. Na actualidade, segue a coordinar o encontro de cineastas Chanfainalab en San Sadurniño (2014-2023), XI premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual. En 2023 recibiu o Premio Losada Diéguez polo seu libro Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil.

"Con este novo certame ampliamos unha das nosas liñas de apoio á creación máis importantes, neste caso para fortalecer un sector, o audiovisual, estratéxico para a nosa lingua, a nosa memoria e a nosa proxección cultural", explica González. "E ademais contribuímos á memoria de persoas senlleiras neste campo, como foi José Gil, pioneiro en Galicia da reportaxe fotográfica, o nacemento do cinema de ficción, documental, industrial, educativo e turístico, como tamén da lusofonía audiovisual, os noticiarios, a publicidade, o arquivo fílmico e tantas outras achegas incuestionables do cineasta a prol da modernización de Galicia entre 1910 e 1935".

Pola súa banda, Manolo González, sinalou o "orgullo" de que "exista este premio", porque "reivindica a figura do que algúns consideramos como referente máis importante da industria e do cinema galego como é José Gil. Foi o iniciador das primeiras películas de documental e ficción, a primeira filmoteca de Galicia... un longo etcétera de aspectos que valorizan esta personaxe e a colocan do olimpo do cinema galego como o seu patriarca". O comisario destacou tamén a importancia de "facer visible o traballo audiovisual comprometido co país e coa lingua, e render homenaxe a persoas, iniciativas, ou entidades que traballaron pola defensa dun cinema en versión orixinal galega".

As bases do certame están publicadas no BOP do 22 de abril.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X